Por razóns que non veñen ao caso estou facendo entrevistas aos principais actores na prensa estatal (tanto dixital como tradicional), e cando digo principais actores son tanto os xefes, xerentes, directores et al, como os que están na trincheira loitando co día a día, coas novas, cos problemas reais. O certo é que este feixe de entrevistas dame para moito, para aprender como funcionan os medios por dentro (cada un coa sua propia idiosincracia, coa súa propia filosofía de empresa, coa súa “burocracia“), para ver por onde van os tiros na prensa para o vindeiro ano (podería facer xa mesmo tres pronósticos con risco de erro inferior ao 20%) e, sobre todo para decatarme do lentos que van os medios para seguir ao “Persoeiro do ano 2006 (by times)”: Nos.
Pero non vou a iso, vou a outro tema: a aplicación da ética hacker na empresa. Xa coñecedes toda a teoría da ética hacker, todo o que Himanenn, Contreras ou Aceros escreberon sobre este tema, con boas investigacións baixo o peto. Eu topeime con este tema case sen querelo nestas entrevistas. Falando sobre tecnoloxía e, sobre todo, das demandas tecnolóxicas do sector, a principal valía que a meirande parte dos entrevistados citaban para os seus proveedores de diferentes servizos e aplicacións non facía referencia ás variabeis tradicionais (prezo, confianza, seguridade, etc) senón que apuntaban cara un novo factor.
Non foi sinxelo conseguir que verbalizasen e conceptualizasen a principal esixencia. Dende “flow” (esa chispa que teñen os rapeiros) ata “espíritu”, pasando por proactividade, “ganas de traballar”, inquedanzas e un cúmulo de conceptos que artellan xuntos o que eu entendo como “ética hacker”. Segundo esta xente, á hora de buscar un provedor de servizos este é un dos principais motivadores, non o único, pero sí o sitúan por riba do prezo.
Detrás disto, hai todo un cúmulo de anécdotas, de vivencias e problemas que lexitiman este feito: nun entorno dinámico, flexible, no que todo e todos imos a mil… o que precisamos (as compañías que traballamos en rede e na rede) é alguén que xogue con nos, que non nos venda un producto standart, senón que se implique no desenvolvemento, compartindo riscos e, sobre todo, implicandose máis aló do profesional.
Todo isto tan bonito, que tanto nos gusta aos que non concebemos outro tipo de actividade laboral que aquela que está vencellada ao compartir, ao innovar, ao xogo como actividade profesional implica unha erosión radical entre a vida profesional e a vida privada. Isto xa sería materia doutro post… que deixamos deica o ano que ven!