Contos de estrelas e limons

January 29, 2007

Put a “pila” on your life

Filed under: vida cotiá - estrelaselimons @ 2:14 pm

Dende que lle escoitei a JJ o concepto namorei del, aínda que co tempo comprendín que un dos seus conceptualizadores no estado foi Pjorge, e unha busca no google amosa que son moitos os seguidores desta práctica que tan bós resultados lles debe dar aos editores. No meu caso a “The Pila” ten especificidades dignas de mención:

1.- Existen tres “The Pilas”: Unha na mesa do traballo (a máis pequena), outra na mesa dende onde escrebo (”desk” da casa= a máis grande, na foto) e outra no Salón da casa. A única especializada é a do salón, onde están os libros en galego.

2.- O tempo de permanencia dun libro na pila é de 2-3meses como máximo. No caso de non avanzar nese tempo, o libro camiña coa cabeza baixa cara á “The andel”, lugar onde permanecerá collendo pó ate que algunha cita extraña acuda a liberalo de novo.

3.- As pilas tenden a reproducirse. Nace unha xeral (no meu caso a da foto), e conforme pasan os días, esta pila tende a extenderse ate a habitación, cuarto de baño… e moitos máis sitios non hai. De cando en vez, unha forza externa chamada “orde” fai que a pila medre ata graos insospeitados ao reunir ás diferentes pilas da diáspora.

January 24, 2007

a música sigue dando cartos

Filed under: Análise, Music - estrelaselimons @ 6:41 am

Digan o que digan dende diferentes esferas. Diga o que diga Ramoncín, Bisbal ou Jesús Vázquez, a cuestión é que a música sigue dando cartos. Son dous os informes, vía eMarketer, que apuntan a un saudábel mercado da industria musical, que lonxe de estar en crise, consegue incrementar o seu volume de negocio… e mostra disto son os euriños que a SGAE dí recaudar no pasado ano 2006.

¿Cál é a pauta que hai detrás de todo isto? Sen dúbida algunha a dixitalización. Dóbrase o facturado por música dixital, segundo o “Digital Music Report 2007” , i é que a penetración de dispositivos multimedia, en xeral, e de reproductores de MP3 medra de forma apabullante. Móviles con MP3, Coches con MP3 de serie… e diferentes canais de distribución. Para que logo nos digan estes marabillosos señores que a tecnoloxía está confrontada coa música… e o peor, os nosos políticos entran, tragan e non cuestionan unha realidade que, sinceiramente, é bastante evidente.

January 23, 2007

I Love M30

Filed under: Outros - estrelaselimons @ 8:55 am

Xa non lembro cal foi o camiño ate chegar a Basurama, pero botei unhas boas risas olhando o seu magnífico documental Yo amo la M30. Eu son dos que adoito cruzar esta estrada camiño do norte, do sur ou do sureste… e o certo é que en máis dunha ocasión me deu a impresión de estar en plena II Guerra Mundial… ou na recente guerra dos Balcáns que tan bem nos retratou o cinema.

January 21, 2007

Williams

Filed under: Music - estrelaselimons @ 11:37 pm

O meu chart particular do comezo do ano ten nomes propios, entre eles o abuelo Andre Williams que firma un impresionante traballo, non só pola idade que ten, senón polo ritmo e flow q mantén. Unha posta en escea impresionante para uns días de tempo atípico, de frio morno e traballo pausado. Paga a pena gastar os cartos… ou o tempo nos lugares de costume para desfrutar desta pequena delicatesem.

January 19, 2007

iphone (ou como quera que se remate chamando)

Filed under: Análise - estrelaselimons @ 9:23 pm

Os máis (da amplísima cantidade de lectores deste blog), cando miredes o sema iphone no título, deixaredes correndo de ler… pasaredes a ler cousas máis interesantes, vencelladas con estatutos, declaracións de presidentes do goberno ou do futebol… ou sobre as técnicas de entrevista empregadas en Google. Só un ou dous lerán isto, outro post sobre o iphone que posiblemente non teña moito interese… pero que dende fai días penso escreber.

Cando pensamos na converxencia, pensamos en converxencia de múltiples cousas (servizos, aplicacións, dispositivos, contidos, etc)… pero o noso trasfondo materialista, nun senso ou outro, lévanos sempre a pensar na converxencia de dispositivos… esa converxencia que se pode palpar, tocar e non só “sentir”. E moito se falou (menos se escrebeu) sobre esta converxencia… sobre dispositivos que nos permitirían facer de todo en todo lugar: a PDA como dispo converxente ou sobre todo o teléfono móbil. Nalgunhas compañías (operadores integrales) comezase a falar do “dispositivo único” e, neste senso, hai que citar (e recomendar) a nota da Fundación France Telecom, falando do UMA…

Neste contexto entra o iPhone, nun entorno no que a converxencia de contidos semella ser unha importante pauta, pero sobre todo… a ubicuidade. ¿Porqué non funcionan os dispositivos multifunción? Principalmente coido que as motivación xiran entorno á especialización (de ahí a unión Sony - Erickson para obter un terminal que una a un xigante dos contidos con un xigante das telecomunicacións). Pero por outro lado tamén hai que introducer diversos aspectos vencellados ao marketing… non é o mesmo (non se percebe como igual) ter un Nokia a ter un Samsung… e os experimentos de Nokia de introducerse no mundo converxente (da man da N-Gage) non foron todo o bem que se esperaba.

¿Qué ten de diferente Apple? Pois ten un mercado cautivo moi xeitoso… e un grupo de fanáticos que mercarán o cacharro sexa cal sexa, custe o que custe. Hai moitos drivers detrás, certo, hai moita usabilidade, moita capacidade, moita innovación… pero sobre todo, o que marca a diferencia son os usuarios, que mercan Apple porque son makeiros (e detrás disto estaría toda a historia e peculiar configuración deste grupo de profetas e evanxelistas). Apple lanza un dispositivo bó… porque non nos enganemos: o iphone será o que queirades (pechado, limitado, etc) pero é un bó cacharro, no que a tactilidade será unha innovación real (alguén empregou algún teclado táctil antes? Enrique e o keyless laptop), e que ten un bó número de usuarios asegurados que pasan por riba do primeiro inhibidor: O prezo. Pero aínda máis… non teño datos reais, pero sabemos que non son usuarios calquera, son os innovadores, os que sempre chamamos early adopters, os primeiros en apropiarse das tic… é dicer os mellores “beta testers”, aqueles nos que nos fixamos para detectar tendencias, para estudar comportamentos e demáis. ¿Que mellor público para o iphone? Pero, sobre todo, qué mellor xeito para lanzar un dispositivo!

Se a converxencia de dispositivos precisa un escenario deseñado ao seu interese… non topará, dende logo, un mellor.

January 18, 2007

Xénero é rede (I - O Contexto)

Filed under: Análise - estrelaselimons @ 3:05 pm

Adolfo tira a pedra e négase a agocha-la mán: falamos de xénero? FALEMOS! Hai unha evidencia: as mulleres non aparecen moito na blogosfera…. pero no blogomillo é algo diferente, cando dúas das nosas referencias son mulleres (TodoNada - Ascarida), algo que evidencia o noso feito diferencial : P. En fin: parece que non hai moitas cun blog e, sobre todo, non teñen a notoriedade que teñen os homes.

Os blogs son unha tecnoloxía, social (non o son todas?), pero tecnoloxía ao fin e cabo.

Hipótese 1: Se os blogs son tecnoloxía(s), podemos intentar olhar que pasa na apropiación social doutras tecnoloxías.

No caso da telefonía móbil, máis que dunha fenda ou estratificación dixital débese falar dunha diferente cultura de xénero no uso do dispositivo móbil. Na maior parte de contextos a fenda ou estratificación de xénero non existe na penetración deste dispositivo, polo menos nunha fase madura. O caso de Noruega , un dos contextos que foron investigados e documentados de forma exhaustiva, a fenda / estratificación de xénero existiu mentres os early adopters eran os principais usuarios da tecnoloxía, pero a medida que esta se foi difundindo, foise erosionando de forma paulatina a diferenza entre homes e mulleres. Existe, con todo, unha diferenza no uso do dispositivo e esta diferenza é recurrente en diferentes sociedades, aínda que a súa trasfondo cambia en función do contexto. Así, en Xapón as mulleres utilizan o teléfono móbil ou keitai para gestionar as relacións familiares e o tempo no fogar , en Noruega son os homes quen realizan un maior número de chamadas telefónicas, pero son as mulleres quen falan máis tempo por teléfono móbil e quen envían máis SMS. O uso do SMS é especialmente relevante, xa que non só envían máis SMS as mulleres, senón que son máis longos, con máis información e cunha gramática máis elaborada.

É dicir, a telefonía móbil, a tecnoloxía máis difundida entre a sociedade, pode ser unha boa mostra de como se produce a adopción da tecnoloxía na sociedade. Nun primeiro momento son os early adopters (homes) quen adoptan a tecnoloxía e pasan a adaptala e absorbela, pero conforme a tecnoloxía vai difundíndose entre os demais sectores sociais, a brecha de xénero desaparece paulatinamente.

Qué sucede se olhamos Internet e aos usos de Internet: non se perciben, segundo os dados do INE e Red.es, diferenzas nas principais aplicacións, como son o correo electrónico, os Chats e a mensaxería instantánea. Na voz IP, unha tecnoloxía emerxente, é onde se perciben as principais diferenzas por xénero. Son os homes quenes, nun 10% utilizan esta tecnoloxía, fronte a un 6,3 % das mulleres. A eAdministración é, sempre segundo os datos da enquisa sobre equipamiento e uso de TIC nos fogares, outro das aplicacións onde se pode ver unha fractura de xénero. Así, nas diferentes modalidades de eAdministración existe unha diferenza substancial entre os xéneros, tanto na procura de información (diferenza dun 3,4%), descárgaa de documentos (4%) e o envío de información (3 %).

E o mundo dos videoxogos? Servenos tamén? (Logo máis).

[PS.- No fondo de todo está a cosmovisión da integración das Tics na vida cotiá. Se admitimos que a situación de partida é unha desigualdade, as Tics reproducen, nun primeiro intre, esta desigualdade… para posteriormente crear “culturas de uso”. O caso dos GUC (Contidos xerados polo usuario) ao igual que os CUC (Contidos consumidos polo usuario) é especialmente relevante!! Consumen, por exemplo, homes e mulleres os mesmos contidos? Tiscar, tienes la Base de Datos, tiranos por favor un cruce de tipo tipo de blogs leídos / escritos en función del género : P )]

January 16, 2007

El trabajador Gladiador

Filed under: laboral - estrelaselimons @ 9:49 am

Fai uns meses, vía Brétemas, lembrei un dos meus sociólogos favoritos: Richard Sennett. Este bó home ven de publicar un libro que sintetiza o pensamento deste autor que ten unha longa traxectoria no pensamento social e que fixo pouco menos que unha arqueoloxía das implicacións sociais (e laboráis) do “novo capitalismo”, entendendo como tal o capitalismo de consumo.

Tiña e teño moitas ganas de falar deste libro desde diferentes perspectivas, tendo en conta que xa liquidei o libro de Rafa Feito e que o de Sennett abre unha morea de inquietudes, preguntas e cuestións de diferente calibre, pero en todo momento vencelladas ao análise do contexto ou marco cultural que rodea (e en algúns casos lexitima) ao “novo capitalismo”.

Foi, nembargantes (porén, que diría a nova lei), un feito do meu entorno laboral o que me motiva a escreber e a pensar en Sennett. Hoxe, un compañeiro (Técnico) recibe a información de que este será o seu último dia na empresa. Posiblemente sexa un dos mellores técnicos da empresa, con experiencia, con aspectos diferenciais (inglish) e con chispa, pero considérase que esta institución precisa gladiadores (sic) que saiban afrontar todo o que lle boten (dende propia institución ou dende o mercado), pese a que latentes está o feito da falta de docilidade ou mansedumbre desta persoa concreta.

Sennett fala e analiza as traxectorias vitais e laborais, e decodifica os cambios que, da man da flexibilidade, se introducen no capitalismo informacional. Falamos de traxectorias profesionais en permanente redefinición, onde a capacidade de adaptación é unha skill moi prezada. Máis nesta empresa (que ten pouco, todo hai que dicilo, de “informacional”… máis bem semella a xaula de ferro de Weber) a principal característica buscada nun Técnico, persoa que debe ser culta, intelixente, brillante…, é a docilidade, a capacidade de dicer que chove, cando lle mexan enriba.

¿Cómo pode perviver unha mentalidade caciquil e servilista nunha empresa de servizos, de alto valor engadido, en pleno século XXI? ¡¡cómo boto en falta a ética hacker aplicada na empresa!! Como boto en falta os tempos nos que cuestionar aos xefes era un arriscado exercizo, pero un exercizo posíbel que podía desencadear cambios reais en procesos, métodos ou filosofías.

January 12, 2007

artpod

Filed under: Music - estrelaselimons @ 9:23 am

Vía guerrilla chego a unha fermosa páxina que gustará a todos aqueles que teñen un cacharriño destes. Aos que non, igual non lles fai tanto chiste, pero non deixan de ser fermosos os vídeos ahí amosados. A Capitulo seguro que lle gusta.

January 11, 2007

o cansanzo das / nas redes sociais

Filed under: software social, Análise - estrelaselimons @ 11:07 am

Vía Danah (un dos meus blogs favoritos), chego a unha serie de referencias entorno a determinadas prediccións de cara ao presente ano (encántame esta visión / misión dos futurólogos… mirar se vai chover ou se vai escampar en función de criterios máis bem anecdóticos):

While social networks dominated 2006, we wonder if the amount of time an average user spends online will start to negatively impact on their social lives in 2007 and lead to a downturn. Could social networks prove to be anti-social? ;-)

O certo é que estas visións comezan a cansarme xa un pouco. Precisamos asentar o concepto de Ito de “Copresencia”, de imbricación do online e o offline (división que os rapaces, por exemplo, non manexan)… porque só así entenderemos que a vida social é unha, teña a liquidez / calidade (bauman e sennett mediante) que teña, pero non: as redes sociais (virtuais que é como as entenden aquí) para moitos tenden a debilitarse. Mágoa que estas afirmacións contradigan aos datos e pesquisas de xente como Ito, Wellman ou os do Pew. Si o Wei matou (depois de darlle moitos “pases de bola” entre todos e todas) o ciberespazo, non sei porque non o toman en serio.

Agora bem, sí que se pode admitir que nos vindeiros anos as redes sociais mudarán. Tanto Orkut (bluff, salvo en Brasil), tantas redes de directivos (útiles? Cando hai 4 redes estar en todas pode ser un pouco cansino), redes de todo tipo. Agora bem, aqueles que empregan as cousas sen unha finalidade tan marcada como “ter contactos” dubido moito que tornen anti-sociais. Ao fin e cabo, o ser humán é social por ¿natureza? e estes cacharros (vaale, artefactos!) só potencian unha dimensión concreta.

January 10, 2007

como mudar a percepción do mercado

Filed under: Investigacións de Mercado - estrelaselimons @ 2:01 pm

Fai uns anos descubrín un supermercado especial. Non era eu moito de compras e ía a tiro fixo. Neste caso o supermercado que tocaba ao carón da miña casa de aluger… na periferia de madri, era un que lle chamaban mercadona. O que sí, naquel entón (estudante eu) miraba moito pola peseta… e mercaba todo, absolutamente todo da mal chamada “marca branca” (Marcas de Distribuidor lle chaman no meu entorno). ¿Cómo esquecer a “galletas que non saben a nada” de primeiro de carreira? Logo viñeron as pizzas “conceptuais”, os macarróns e espaguettis que era imposíbel que soubesen bem e un longo etc da man de DIA. Pero no caso deste super, mercadona, algo semellaba a ir diferente… había cousas moi baratas, pero sobre todo, estaban boas!!

Un día, por casualidade mentres agardaba a que o auga do cazo comezase a ferver, collín o paquete de pasta e lin unha por unha cada unha das letras que alí aparecían, descubrindo con sorpresa ao ler un dos laterais: “Envasado para Hacendado por Gallo S.A.”. Mentres o auga fervía fun un a un polos armarios descobrendo que o atún era “Envasado por Calvo SA”, o Embutido era de Campofrío… etc, etc, etc. Eu, que podo xurar que naquel entón non falaba nada de nada destes temas, comecei a falar coa miña mai e coa miña tia de mercadona, do bós, bonitos e baratos que eran ós seus productos… e ate conseguín facer que fixesen uns cantos kms de mais para visitar un.

Agora, noutra situación vital, ollo mirar a diferentes actores da distribución mirar con medo a este xigantes que se consolida como un dos principais actores no mercado, superando sen despeinarse (aparentemente) aos antigos competidores, como Alcampo, Día e todos eses que xa coñecedes. Nembargantes, o que realmente chama a miña atención é como isto non só pasa, e sobre todo non pode entenderse, a nivel macro. Mercadona conseguiu crear unha marca, Hacendado, e posicionouna como líder en múltiples categorías de productos, con unha aporsta marcada pola calidade integral en todo o proceso.

Constame que Mercadona trata bem aos seus traballadores. Non é só propaganda iso de que teñen fijos aos seus empregados de Super, que traballan con flexibilidade ou que apostan pola calidade nos seus productos. E pese a isto, gañan en cuota de mercado, gañan en marca e posiciónanse como os aspirantes a batir aos hipers franceses a un ritmo moi forte. ¿Agantará moito? ¿Qué hai detrás de todo isto? ¿Onde “falla” a cadea?… ¿Ou é que se poden facer as cousas bem?

Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here