iphone (ou como quera que se remate chamando)
Os máis (da amplísima cantidade de lectores deste blog), cando miredes o sema iphone no título, deixaredes correndo de ler… pasaredes a ler cousas máis interesantes, vencelladas con estatutos, declaracións de presidentes do goberno ou do futebol… ou sobre as técnicas de entrevista empregadas en Google. Só un ou dous lerán isto, outro post sobre o iphone que posiblemente non teña moito interese… pero que dende fai días penso escreber.
Cando pensamos na converxencia, pensamos en converxencia de múltiples cousas (servizos, aplicacións, dispositivos, contidos, etc)… pero o noso trasfondo materialista, nun senso ou outro, lévanos sempre a pensar na converxencia de dispositivos… esa converxencia que se pode palpar, tocar e non só “sentir”. E moito se falou (menos se escrebeu) sobre esta converxencia… sobre dispositivos que nos permitirían facer de todo en todo lugar: a PDA como dispo converxente ou sobre todo o teléfono móbil. Nalgunhas compañías (operadores integrales) comezase a falar do “dispositivo único” e, neste senso, hai que citar (e recomendar) a nota da Fundación France Telecom, falando do UMA…
Neste contexto entra o iPhone, nun entorno no que a converxencia de contidos semella ser unha importante pauta, pero sobre todo… a ubicuidade. ¿Porqué non funcionan os dispositivos multifunción? Principalmente coido que as motivación xiran entorno á especialización (de ahí a unión Sony - Erickson para obter un terminal que una a un xigante dos contidos con un xigante das telecomunicacións). Pero por outro lado tamén hai que introducer diversos aspectos vencellados ao marketing… non é o mesmo (non se percebe como igual) ter un Nokia a ter un Samsung… e os experimentos de Nokia de introducerse no mundo converxente (da man da N-Gage) non foron todo o bem que se esperaba.
¿Qué ten de diferente Apple? Pois ten un mercado cautivo moi xeitoso… e un grupo de fanáticos que mercarán o cacharro sexa cal sexa, custe o que custe. Hai moitos drivers detrás, certo, hai moita usabilidade, moita capacidade, moita innovación… pero sobre todo, o que marca a diferencia son os usuarios, que mercan Apple porque son makeiros (e detrás disto estaría toda a historia e peculiar configuración deste grupo de profetas e evanxelistas). Apple lanza un dispositivo bó… porque non nos enganemos: o iphone será o que queirades (pechado, limitado, etc) pero é un bó cacharro, no que a tactilidade será unha innovación real (alguén empregou algún teclado táctil antes? Enrique e o keyless laptop), e que ten un bó número de usuarios asegurados que pasan por riba do primeiro inhibidor: O prezo. Pero aínda máis… non teño datos reais, pero sabemos que non son usuarios calquera, son os innovadores, os que sempre chamamos early adopters, os primeiros en apropiarse das tic… é dicer os mellores “beta testers”, aqueles nos que nos fixamos para detectar tendencias, para estudar comportamentos e demáis. ¿Que mellor público para o iphone? Pero, sobre todo, qué mellor xeito para lanzar un dispositivo!
Se a converxencia de dispositivos precisa un escenario deseñado ao seu interese… non topará, dende logo, un mellor.


