De porco en Sanmartiño

Ven de saír á rua o novo número de ProteXta que, de verdade, paga a pena. A miña contribución xira en torno a un libro que Chaves lle fixo unha publicidade manifesta, comprándoo na súa visita “sorpresa” a unha librería de Madrid. E ten razón, paga a pena lelo.
El Capitalismo Funeral. La crisis o la Tercera Guerra Mundial.
Vicente Verdú
Editorial Anagrama, 2009
194 páxinas.
Custounos enunciala, como se puidesemos anticipar que viría para quedarse e que logo teríamos que facer un importante esforzo por non mencionala. A Crise, con “C” maiúscula, é algo que actualmente non é suxerente para ninguén por varios motivos. Dunha man, normalmente non é moi agradable ler sobre miserias e calamidades, e esta situación ten moito de ambas cousas. Pero tamén estamos a sair dun momento no que os medios de comunicación saturaron este tema con novas (as máis, sensacionalistas). O valor, o atractivo primeiro desta obra está precisamente en supor unha reflexión sosegada e detida sobre a Crise, tomando algo de distancia e contextualizándoa no marco dos grandes cambios e movementos macrosociais. Así, se buscas datos e macroindicadores que te axuden a obter unha radiografía desta situación, este non é o teu libro. Porén, se buscas comprender este fenómeno cunha aproximación de corte sociolóxico ou antropolóxico, moito máis centrada nos grandes fenómenos e na análise sociohistórica, non o dubides.
A hipótese de Verdú é que estamos ante moito máis que unha simple recesión, como a de 1993. Estamos ante unha situación equiparable a unha Guerra Mundial, tanto polo global do seu impacto como polas implicacións a nivel económico e social. Os grandes analistas xeopolíticos, obcecados no poder militar, non se decataron que o xerme estaba “dentro” e bastante afastado do poder nuclear. E así chegamos á consecuencia inevitable: cadaleitos cheos de seres humáns incapaces de proxectar un porvír ou unha esperanza e, da man, un modelo que carece de alteridade. Non fumos quenes de imaxinar outro mundo posible e, agora mesmo, ninguén ten folgos para construir, crer ou confiar nel.
En todo este entramado, o máis importante é o menos tanxíbel: esta crise non é só económica / material, estamos ante unha quebra importante nos valores que sustentan a nosa sociedade. Deixámonos levar, máis ou menos conscientemente, por un modelo social centrado no hiper-consumo e somos cómplices activos na creación dunha economía especulativa e dunha burbulla que estourou cunha forza (simbólica) tan só comparable a unha bomba atómica. É unha crise endóxena, na que somos causa e efecto.
O libro de Verdú é un work in progress, unha obra inacabada en tanto que inacabado está o seu obxecto de estudo. E todo apunta a que estamos lonxe dun final Hollywood onde un superhome salve á humanidade. Tamén é certo que os novos problemas requiren novas solución e que en toda crise hai unha oportunidade: seremos quén de albiscala? Seremos quén de conquistala?


