Contos de estrelas e limons

April 20, 2009

a caixa parva

Filed under: Análise, laboral, Investigacións de Mercado - estrelaselimons @ 4:17 pm

Formamos parte dunha xeración multitask, un concepto que (definitivamente) deixou de pertencer exclusivamente á muller. Entre os mozos (e os non tan mozos), facer varias cousas ao tempo é unha constante que, me consta, pode chegar a supor problemas de todo tipo… especialmente de concentración. Pero traemos este tema aquí porque hoxe In-Stat, unha consultora americana, ven de publicar datos relativos ao consumo simultáneo de televisión mentres se consulta / navega por internet. Segundo os datos (provintes dunha enquisa > o número é moi mediático), un 33% dos homes (un 25% no caso das mulleres) usan un PC cando miran a televisión.

Nos comentarios alertan sobre o potencial impacto que pode ter no consumo de TV e a facilitación de “crossmedia” (consultar info mentres se mira un capítulo de CSI, por exemplo). Pero as interrogantes que plantexa de cara a un futuro a medio prazo son moito máis interesantes. ¿É o primeiro andar dun uso complementario? ¿Estamos no primeiros pasos dunha convivencia real entre TV-PC?

Persoalmente, coido que o PC entra polo de agora de xeito tímido no salón. A súa entrada ven da mán do “entretemento” nas pausas publicitarias ou de “vía de escape” en caso de que o “tirano/a” do mando impoña algún contido que non é de interese. Pero nos mais mozos os límites entre a TV e o PC comezan a difuminarse. Recentemente, escoitei a unha nai berrarlle ao fillo porque botaba toda a mañá diante do PC: “te dije que sólo jugabas 2 horas, ya basta de ordenador”… “Si mamá, juegué dos horas y desde entonces estoy viendo capítulos de Los Simpson”.

November 11, 2008

Subject to Change

Filed under: Análise, laboral - estrelaselimons @ 10:37 am

De cara a rematar o ano teño un feixe de libros por ler. Fai uns días rematei un que me encantou e que me levou a escreber unha serie de reflexións sobre o que entendemos por Usabilidade e por Experiencia de Uso. Tratase do “Subject to Change” un libro máis que recomendábel: porqué non llo pides os teus reis?

Podes ler unha pequena reseña do libro na sección de “ídems” do Observatorio para a CiberSociedade… e se quedas con ganas, recoméndoche botar unha ollada á charla que deron os autores en Google ;)


Se tes inda máis ganas de profundizar, podes botarlle unha ollada á síntese que fai o amigo Angus no seu blog.

October 7, 2008

Sobre o futuro do libro (¿Dixital?)

Filed under: Análise - estrelaselimons @ 9:15 pm

Hoxe no país nos facían unha extensa cita falando sobre o tema do futuro do libro, en concreto do futuro móbil do libro. Algunhas das reflexións e achegas para este “Vida e Artes” son as seguintes.

Eu coido que o problema está na formulación|presentación de base. Os soportes que están actualmente no mercado e o enfoque do sector editorial (polo menos en España) é o de reproducir a experiencia de uso dun ámbito analóxico: todo xira en torno ao libro e a metáforas asociadas a el. Por exemplo, os dispositivos existentes (Sony Reader, Kindle e Readius) funcionan baseándose en metáforas do libro (pasar páxina, o tipo de formato cadrado como o do libro, etc). Isto é moi parecido ao que pasa sempre cando unha tecnoloxía é embrionaria ou está na súa fase iniciática: pasou tamén co ordenador (metáfora das ventás - windows, os xornais online que ao principio eran réplicas do papel, etc). Non é ata que a sociedade adopta a tecnoloxía e o a apropia que xurde algo novo: isto é o que pasará co consumo de literatura… ¡ ¡ terá que transcender o soporte libro!!

Isto, tan facil de dicir, descoloca por completo ao sector editorial, que perde por completo o seu rol. O sector non está preparado, nin en españa nin no estranxeiro, e están experiementando a buscar novos modelos de negocio que lles permitan manter o seu rol de mediador entre o creador e o consumidor. Pero isto non é facil, porque todo apunta a unha relación desintermediada, como xa está a pasar noutro tipo de contidos (música, por exemplo).

O problema principal dos dispositivos actuais é que son dispositivos que non implican, perden toda a emocionalidade que reside na lectura dun libro… E é que o libro leva entre nós os 5 séculos… Que non é pouco e é moi dificil que un novo dispositivo consiga isto. Os problemas son dous: ter un dispositivo que faga emocional a lectura e conseguir que a sociedade adopte un novo dispositivo portatil. Eu creo que a clave está en que un dispositivo actual incorpore a posibilidade de ler literatura. Todos os estudos feitos ate o momento sobre o iPhone apuntan a unha alta potencialidade de navegación por internet, dende a usabilidade da navegación e dende o facil que é a lectura nunha pantalla tan grande. Eu creo que é posible unha evolución cara á lectura. É dicir, que o iPhone vai a supoñer / pode supoñer unha grande evolución no territorio da lectura en dispositivos dixitais.

June 15, 2008

Telefonica & Apple

Filed under: Análise - estrelaselimons @ 9:07 pm

Nunhas semás o Iphone chegará por fín de forma oficial ao mercado do estado. Obviaremos a chegada prematura, os Iphones 1.0 liberados e funcionando… porque non creo que sexa eu o único con xente no meu entorno con un trebello destes. Obviaremos o cambio no modelo de interacción, a revolución do que aspira a ser o primeiro dispositivo converxente… e imos miralo un pouco máis como unha relación entre marcas.

Telefónica, logo de moitas especulacións, levou o gato ao auga. Alierta meteu un dos seus goles estratéxicos, porque non nos enganemos, se Vodafone chega a comercializar o Iphone… meu deus, teríamos un cambio realmente importante no mercado da telefonía móvil.

O caso é que esta unión (Apple - Telefónica) é unha unión un tanto peculiar. Ambos comparten un atributo de imaxe: o liderazgo… pero a partir de ahí a historia e a vivencia de ambas marcas é completamente diferente. Apple é innovación, Early Adopters, cambio, fiabilidade, xuventude… nunha clase fai unhas semáns, facíamos un proxectivo sobre esta marca, e os rapaces atopában en Apple a un rapaz de uns 27 anos, cun traballo vencellado á xente, que conduce un Mini Cooper, que disfruta da noite e do tempo, que ten inquietudes culturais de todo tipo… emmm ¿E telefónica? ¿mirádela aquí?

O certo é que Telefónica sempre estivo vencellada, dun xeito máis ou menos evidente, á historia de Microsoft. Foi un monopolio, con estructura de ministerio, tenta constantemente atrapar o termo de fiabilidade… pero o caso é que só pode unirse a marcas como apple para tentar atrapar a Innovación.

Agora bem… conseguirao?

May 23, 2008

Xente intelixente

Filed under: Análise, politica - estrelaselimons @ 7:18 am

Onte fun ao meu primeiro meeting da Fundación Bankinter, un sitio cheo de xentes intelixentes, sobre todo os dous ponentes. Facía tempo que non escoitaba a xente brillante falar de dous temas tan peliagudos como son o envellecemento da poboación e a migración.

O resumo executivo da publicación e a propia publicación están na web, así como as conferencias de onte. Eu fiquei preocupado polo impacto da transición demográfica e o seu mix co fenómeno migratorio. A meirande parte dos asistentes mostrabase un pouco aliviados ao comprobar cómo o impacto da inmigración e das súas primeiras xeracións será fundamental para o mantemento do estado de benestar (ou o que queda del) no estado.

Agora bem, o caso de Galiza é complicado. Cunha tasa de natalidade baixísima e cunha poboación envellecida os escenarios a 10 ou 20 anos son desoladores. Se a isto se suma a escasa recepción de inmigración e, sobre todo, a alta emigración dunha xeración cercana ao baby boom… ai, ai, ai.

Escenarios para meditar, sobre todo os de arriba, máis creo que este non é un tema de interese social, cando menos polo de agora. Grñf.

April 11, 2008

Xornalismo na era de interné

Filed under: Análise - estrelaselimons @ 9:16 am

Onte, na casa de américa (un edificio tan fermoso como pouco usábel) presentaron un libro deses patrocinados que traen (normalmente) moito fume detrás. Na presentación sorprende mirar moita corbata e traxe nun suposto escenario de e para xornalistas. Da presentación trouxen dous exemplares e un par de boas ideas de Juan Varela:

- “Qué hacemos? Da gana de incendiarlo todo…” (Reflexión ante o que debe ser e o que é o xornalismo na era de internet, que non en Internet).

- As redaccións son mounstruos que aniquilan o xénio individual, a creatividade… (Isto é extensíbel a moito outros traballos que supostamente deben ser “creativos” ¿non sí?)

- A medición de audiencias, a investigación de mercado non serve neste contexto, non pode axudar e non axuda ao xornalismo a redefinir-se. Completamente d’acordo… pero qué podemos facer? Traballar o insight é un bó comezo, analizar o territorio tm… pero coido que falta “algo máis”.

March 31, 2008

Redes sociales: Like air

Filed under: Análise - estrelaselimons @ 11:27 am

Cales son os escenarios de evolución das redes sociais nos vindeiros anos? Segundo a xente de Forrester Research a cousa pinta tal que así:

We will look back to 2008 and think it archaic and quaint that we had to go to a destination like Facebook or LinkedIn to be social,” says Charlene Li at Forrester Research, a consultancy. Future social networks, she thinks, “will be like air. They will be anywhere and everywhere we need and want them to be.

Eu coido que parte do éxito de Facebook é que, grazas ás aplicacións que tanto bem e tanto atractivo lles xera, consigue quebrar pouco a pouco con eses muros. Bem é certo que é algo unidireccional: podes zugar o contido de Twitter, Flickr ou Delicious, pero non o podes facer á inversa. Non deixa de ser curioso, por outra banda, que as aplicacións da tan citada web2.0 convivan nun entorno no que os muros son percibidos como fundamentais.

Vía Pablo Mancini.

February 9, 2008

Odiosas comparacións

Filed under: Análise, politica - estrelaselimons @ 9:41 pm

E a política chega aos novos medios… e iso significa que vía Facebook nos acribillan a causas que non nos interesan… que seica hai algúns que empregan twitter, blogs e non sei cantos cacharriños máis… o fetichismo da tecnoloxía, non cabe dúbida. O caso é que vía Juan Varela chego a un vídeo que está facendo as delicias da rede e con razón: ben editado, con un moi bó argumento… con unha morea de pezas do noso imaxinario cotián (Hebie e Scarlett, por poñer dúas das miñas)… e tan simple como pegadizo. Escoitao, fai o favor, como simple exercizo de curiosidade ociosa (se non o fixeches xa). Cabe sinalar que este é, polo de agora, o video viral do mes con maior impacto, superando con moito á Flashmob da estación Grand Central.

Hoxe, neste caso no blog do tamén mediático Maxim Huerta, chego á proposta dos amigos dos socialistas… digo de Zapatero. Continuando cunha campaña electoral na que todo xira entorno a un líder, deixando ao suposto proxecto, deixando ao partido nun segundo plano. Non sei, nin podo votar a Obama, nin podo votar a ZP (por motivos moi diferentes)… polo que a min isto nin me ven nin me vai. Mais… as comparacións son odiosas:


February 1, 2008

Symio e Yoigo: rompendo o mercado

Filed under: Análise - estrelaselimons @ 7:44 am

O de Yoigo non ten nome. Unha compañía que se posiciona co slogan verdad verdadera e como a compañía que non minte aos seus clientes quebra todo o seu posicionamento con duas accións: Por unha banda quebra o seu modelo “fala todo o que queiras cos móbiles da mesma compañía por 0€”. Posicionamento en prezo que estou seguro que arrastrou a moitos dos rapaces que noutras compañías só poden mandar mensaxes. Por outra banda, comeza a cobrar pola portabilidade: Ouch!!! Non prometas o que non podes (queres) dar, este é un moi bó lema vital… pero se entras nun mercado no que a letra pequena e o caos de horarios e tarifas coa promesa de non mentir e facelo todo sinxelo… polo que máis queiras: non faga-lo parvo!!!

Symio entra no mercado con outro posicionamento… e estou certo que como Yoigo terá moito de rompedor e obrigará ás compañías tradicionais a replantexar o seu modelo. O seu posicionamento ven marcado por:

#Apelar á principal característica da telefonía: a comunicación. Deixa de lado os servizos de valor engadido para ofertar voz, sms e mms… pero sen nada máis…

# Eliminar o concepto de contrato vs prepago. Polo que se pode mirar na web a diferenza é só no xeito de pagar: en ningún caso se fala de tarifas diferentes!!

# Liberación de terminais. Non estou moi seguro de como funcionará. Os efectos poden ser dous: por unha banda pode que os usuarios abandonen os operadores tradicionais para pasarse a Symio… ou pode que, como no meu caso, manteñan a sua SIM nun operador convencional e teñan un novo número para Symio…

#O caso é que a aposta por prezo é incríbel. O meu operador tan só me da un ctm/minuto máis barato (polas tardes), pero polsa mañáns… xa non sei se son 40ctms.

¿Qué pasará nos vindeiros meses? Pois que as convencionais terán que respostar. No segmento máis interesante para os que analizamos as prácticas sociais vencelladas á telefonía, os mozos, que pasará? Será o prezo un factor máis importante que o terminal? Ficarán coa trampa do trebello ou irán cara a comunicación?

Por outra banda… cal será o impacto que o “caso Yoigo” terá sobre Symio? Minguará a confianza dos consumidores o feito de que outra pseudo low cost incumpla as espectativas depositada nela?

actualización: Xa son de symio!

January 21, 2008

Porqué pode ser Kindle: o futuro do libro dixital

Filed under: Análise - estrelaselimons @ 1:12 am

Eu non son unha persoa do todo obxectiva para falar de futuros do libro dixital. Paso horas diante dunha pantalla dun ordenador, que na meirande parte dos casos é de 12‘ ou 13‘, non imprimo nada salvo que sexa preciso por algún motivo xustificado e… adoro os libros. Teño moitos, moitísimos… gustame o ritual que rodea á lectura do libro, que vai dende a recomendación, a búsqueda, a compra, escreber o nome no libro (sempre: NAN / lugar e “ocasión”/ estación e ano) leelo tras pasar uns días na “pila” e logo prestalo a todo aquel que pase por casa. En todo caso, levo moito tempo desexando falar do libro dixital pero diferentes motivos fixeronme ir máis despaciño… e aída agardo as valoracións de Calidonia do seu novo trebello.

Eu créolles que un dispositivo por sí mesmo non pode revolucionar / mudar nada. É unha debate tan lónga que nos leva aos inicios da historia da tecnoloxía… e da análise so impacto da tecnoloxía na sociedade. O reproductor do MP3 parte do Walkman, que parte da Radio. O libro dixital terá que loitar contra cinco séculos de socialización en papel e tinta, e conta uns cantos séculos máis de rollos de papel, de pedra esculpida… porque é unha loita ¿non sí? Agora bem… ten do seu lado ao PC e ás horas que empregamos en ler en pantallas dixitais. Ten do seu lado a nativos dixitais, que eu xa non sei si existen ou non, que pasaron máis horas diante do ordenador que da TV, por non falar de libros. Ataque 1º ao concepto de libro dixital.

Nos últimos anos miramos unha chea de inventos que tentaban reproducir / imitar un libro en papel. Por poñer tres exemplos están o Readius (Philiphs), o Sony Reader ou o iLiad. Porén, só creo que o novo Kindle serán quen de ter bazas nunha partida con cartas marcadas. Porqué? Cando se fala de estes trebellos, moitos mencionan as verbas “iPod dos libros” sen decatarse que esa é a clave. Kindle aspira a convertirse no iPod, non nun reproductor máis de mp3. O éxito do iPod (dicíamos fai uns anos) sustentábase en valores como a marca, pero sobre todo en integrar un bó dispositivo con unhas capacidades excelentes, con un software de xestión de música considerado como bom e, por último, cunha ligazón cunha tenda online onde poder adquirir novos contidos multimedia. Neste senso, o iPod foi quen de construír un ecosistema que vai moito máis aló dun simple dispositivo.

Se alguén é quén de reproducir isto no eido dos libros é Amazon. Ten marca: unha das marcas con mais sona e reputación da rede, que sobrevivíu ao .com e a anos de compentencia local. Ten contido e rutina: uns cantos millóns de persoas buscamos e mercamos na súa web libros de todo tipo… e agora ten un dispositivo que, estou certo, terá moitos problemas de usabilidade, pero que pouco a pouco irá depurando. Só Amazon pode compararse a Apple, mal que lle pese a Sony (apple wannabe). Só Amazon está chamada a crear un ecositema que integre software+contido+dispositivo e entón… si poderemos falar a mansalva de libros dixitais.

[Fotografía de svenwerk en Flickr]

Get free blog up and running in minutes with Blogsome | Theme designs available here